segunda-feira, 17 de janeiro de 2011

Janeiro de 1961: Galiza dixo ao mundo que ela nom era submissa

.
Henrique Galvão e Jorge Soutomaior

DIÁRIO LIBERDADE

[Rosa Rodrigues] Em janeiro de 1961, galegos e lusos unem-se para denunciarem Franco e Salazar.

Medio século despois Abrente Editora e o escritor Xurxo Martínez tratan de situar na historia un dos feitos menos coñecidos da resistencia ao fascismo, o secuestro do transatlántico 'Santa Maria' para denunciar as ditaduras da península. Foron trece días nos que os medios de todo o mundo abriron co suceso que tivo en brasas o mesmo Kennedy.

O 22 de xaneiro de 1961 tivo lugar o primeiro secuestro con fins políticos dun transatlántico, o portugués Santa Maria (Santa Liberdade) realizado por un grupo de 24 galegos e portugueses organizados baixo o DRIL (Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación). A súa intención era denunciar ante o mundo as ditaduras ibéricas de Francisco Franco e de Oliveira Salazar. Toda a prensa mundial recolleu este acontecemento nas súas páxinas aínda que os españois lle ocultaron á sociedade as verdadeiras causas do suceso, falando del como un caso de piratería. Agora, cando se cumpren 50 anos do acontecemento, Abrente Editora e o escritor Xurxo Martínez Crespo, sacan á luz o manuscrito do comandante Soutomaior '24 homes e mais nada'.

Os galegos José Fernández Vázquez (comandante Soutomaior), Xosé Velo (Xunqueira de Ambía) e o militar portugués antisalazarista, Henrique Galvão, dirixentes DRIL deciden secuestrar un barco con máis de 600 persoas a bordo. Por que o fan?

Despois da II guerra mundial, o exilio republicano contaba co illamento internacional da ditadura do xeneral Franco, por parte das potencias vencedoras. Os anos pasaron e o Estado español fascista do xeneral Franco pasou do illamento internacional ao apoio de Estados Unidos e a sinatura de acordos, 1953, para a instalación de bases estadounidenses e a colaboración coa ditadura franquista. O apoio ao xeneral Franco significou a sentenza de morte para o exilio republicano e a esperanza de volver a un país republicano e democrático.

Alleos ás tentativas diplomáticas internacionais do Goberno republicano no exilio e á súa infrutuosa loita, xorde o DRIL como un Avé Fenix que retando ese goberno republicano no exilio, os EUA que asinaran o acordo coa ditadura franquista e a sociedade internacional que tiña asimilado o agora vello e bo xeneral Franco, decide proclamar ante o mundo que o vello e bo xeneral Francisco Franco é un ditador asasino, e que eles están dispostos a alzarse en armas pola liberdade non do Estado español senón das nacións que conforman ese Estado, nas que incluían a Portugal.

Quen son os responsábeis do DRIL? De onde lle viña a súa preocupación política?

A cabeza ideolóxica e estratéxica do DRIL é o celanovés Xosé Velo. El xunto con outros membros do DRIL en Venezuela, deciden achegarse ao Movemento Nacional Independente portugués, que en Venezuela estaba representado polo antisalazarista Henrique Galvão que estivera exiliado no Brasil, na Arxentina e agora en Venezuela. Pero a asociación cos portugueses non foi a única que realizou o DRIL da man de Xosé Velo. Asinaron un acordo en Caracas, o 1º de febreiro de 1960, co Moviment D'Alliberament Nacional de Catalunya no que recoñecían que a península Ibérica está constituída polas seguintes nacións, Catalunya, Galiza, Castela, Euskal Herria e Portugal. O DRIL, era un movemento que defendía a autodeterminación dos pobos, e entre eles, a das nacións sen Estado da península Ibérica na que albiscaban ou ben estados independentes ou unha Confederación Ibérica na que tivese un sitio Portugal. Esta idea proviña do galeguismo e do desenvolvemento das ideas de Castelao que Velo meteu nos Principios Fundamentais do DRIL.

Como se atreveu a embarcar o seu propio fillo no secuestro?

No secuestro do Santa Maria participaron dous fillos de dous (dos tres) comandantes da operación. Foron os fillos de Velo, Vítor, e o fillo de Soutomaior, Federico. Non é casualidade que foran os dous fillos de galegos. Vitor Velo reside hoxe no Brasil e é un dos máis importantes fotógrafos latinoamericanos.

Cantos galegos había entre o grupo de homes armados que asaltaron o Santa Maria?

Dos 24 comandos a metade eran galegos. Había un alacantino, un asturiano e o resto eran portugueses.

Cantos días foron de secuestro?

Foron case dúas semanas, con varios días parados en alta mar. Foron días moi difíciles e cheos de tensión. Houbo un membro da tripulación morto no asalto e un ferido que os membros do DRIL deixaron nun hospital na illa de Santa Lucia. O secuestro chamou a atención do mundo de dúas ditaduras xa asimiladas como "normais" que foron as de Franco e Salazar, que debido á guerra fría contra a Unión Soviética pasaron a ser de horrorosas ditaduras amigas do nazismo e fascismo a seguros aliados contra o comunismo. No secuestro vivironse días de gran tensión. En primeiro lugar polo temor a que a frota de guerra estadounidense que vixiaba o Santa Maria afundise o barco. O seguro de non afundimento eran os pasaxeiros estadounidenses. O comandante Soutomaior e o comandante Xunqueira de Ambía (Xosé Velo) estaban seguros de que de entregar os pasaxeiros estadounidenses, a Armada dese país non tería reparos en afundilos con galegos, españois e portugueses a bordo.

Como se viviron eses días dentro do barco?

No barco había pasaxeiros con moitas nacionalidades. Un feixe de estadounidenses fixo que o Goberno de Estados Unidos mandase avións e barcos de guerra para tentar liberar os seus cidadáns e deixar os outros, galegos, portugueses e españois, á súa sorte. Un dos principais problemas para os comandos do DRIL era o vixiar, 24 comandos, a máis de 600 pasaxeiros. Houbo un momento de gran tensión cando os pasaxeiros se amotinan despois de varios días varados en alta mar. O primeiro en dirixir a palabra aos amotinados foi Galvão. Despois Velo que non conseguiu aplacalos, por último Soutomaior metrallou a sala e todos os pasaxeiros obedeceron as súas ordes. Eis un retrato de quen era quen no DRIL e no barco.

A comunidade internacional como reacciona ante un secuestro político dun barco?

A prensa nas ditaduras de Franco e Salazar tratou o tema coma un acto de piratería cometido por terroristas. A morte do membro da tripulación e o pasado dos dirixentes do DRIL reforzaban esa idea que incluso fortalecía e daba afouteza e "xustificaba" actos violentos e criminais contra a disidencia política.

Os adxectivos de terroristas perseguiron os membros do DRIL e inventaron unha serie de feitos que nunca aconteceron durante o secuestro. O secuestro do Santa Maria significou un antes e un despois na tipificación destas accións que terían o seu resultado máis salientábel nos 70 co secuestro de avións. Até o secuestro do Santa Maria todos os secuestros de barcos eran tomados como actos de piratería. Os membros do DRIL encargáronse de facer un arqueo á caixa forte do Santa Maria e unha vez acollidos ao exilio político no Brasil entregan outro arqueo coa mesma cantidade coa que secuestraran o barco. Por non existir apropiación do botín non podían ser axuizados como piratas.

Ademais tiñan un acordo coa revista Time?

A entrevista que lle fai o xornalista estadounidense Herbert Mathews para The New York Times a Fidel Castro na Sierra Maestra, a súa repercusión internacional e a importancia que adquire para determinadas loitas a difusión no mundo, compromete os secuestradores do Santa Maria a difundir e conceder entrevistas. Agás as concedidas aos medios brasileiros, Soutomaior chegou a ser entrevistado no Brasil polo ABC franquista.

A concesión de entrevistas e o que nelas se dicía comprometeu moito a unión dos tres comandantes. Nas súas declaracións viuse claramente que o único vínculo que tiñan era o seu rexeitamento a Salazar e Franco, pero iso non abondaba para manter unha organización no tempo.

O único que faltou aos seus principios foi Galvão que aceptou escribir un libro, por diñeiro, meses despois do secuestro. Soutomaior non o fixo por diñeiro senón para contestar á egolatría de Galvão que nin a Velo nomea. A grandeza de Velo podemos albiscala no seu silencio.

Foron uns adiantados ó seu tempo?

Si. A idea de ir ás colonias africanas de Portugal. Apoiar a insurxencia e pelexar pola súa independencia cos grupos armados locais era unha idea marabillosa. Por un lado a historia deulles a razón, porque a Revolução do Cravos que rematou coa ditadura salazarista veu da man dos soldados portugueses que vían como unha guerra inxusta o sistema colonial portugués na África. O comandante Soutomaior e o comandante Xunqueira de Ambía (Velo) partían da idea, acertada, de que as súas loitas pola liberdade eran as nosas loitas. Que as nacións sen Estado da península Ibérica tiñan os mesmos dereitos que os pobos africanos.

Como o vive a sociedade. Pensa que é a acción duns tolos ou apóiaos?

Penso que internamente, no Estado español, a ditadura franquista estaba xa moi asentada. A represión fora cruenta e poucos quedaban para apoiar loitas armadas contra a ditadura. Non esquezamos que Franco morre na súa cama. Que morre en novembro do 75 e en agosto enche a praza de Oriente dun pobo español que o aclama. Penso que a sociedade española vía como unha tolemia e obra duns tolos con uniforme a toma do Santa Maria. A historia daríalles a razón a Soutomaior e a Xosé Velo.

Estaban dispostos a dar a súa vida pola causa antifascista?

Un asalto desas características e contra as ditaduras portuguesa e española podía ter consecuencias mortais. A decisión do secuestro dunha nave portuguesa tiña que ver coa ausencia de pena de morte en Portugal, en caso de ser detidos. Aínda así os réximes de Franco e Salazar podían atacar o barco ou tentar un asalto. A presenza de pasaxeiros estadounidenses foi o que salvou os comandos do DRIL dun asalto á forza das tropas portuguesas ou españolas.

Houbo algún cambio tras o secuestro?

Non houbo ningún cambio no político, aínda perviviron as ditaduras española e portuguesa, pero si houbo un acordar dunha situación que xa se tiña como aceptada irremisibelmente, que era a existencia de dous réximes ilegais e ilexítimos na península Ibérica. Foi a primeira vez que Galiza e Portugal se unían na loita pola liberdade. Tal cousa non se volveu repetir.

Está na historia no lugar no que lle corresponde ou está un tanto esquecido.

Está nun lugar no que non debía estar. Galvão apropiouse, históricamente, dun protagonismo que non lle correspondía. Por outra banda, dentro do Estado español, o DRIL, como organización antifascista, armada e revolucionaria dorme o sono dos xustos e por último, non sei se interesadamente, quérese revestir o DRIL dunhas roupaxes que non lle corresponden, obviando os galegos Soutomaior e Velo.

Os obxectivos do secuestro eran claros pero o certo é que morreu unha persoa Morreu unha persoa, un portugués membro da tripulación e outro foi ferido. Cando se decide coller as armas é para usalas, non só para intimidar. A decisión de alzarse en armas, contra os dous ditadores, os seus aliados e exércitos non deixa de ser algo heroico tendo en conta as paupérrimas forzas e medios cos que contaba o DRIL.

O seu final foi feliz?

En certa maneira si pero para Xosé Velo e a súa familia significou un desterro moi duro no Brasil, mentres dous dos seus fillos e a súa muller vivían en Caracas. Soutomaior remata o libro, cando marchaba de incógnito desde o Brasil cara a Venezuela vía aérea, que resume ben o que foi a fin desta ación: "Que nos deparará o porvir?"

No 2004 Margarita Ledo recuperou a historia nun documental.

Si. O documental de Margarita ten o valor de ser o primeiro que aborda o tema, pero a min non me gustou moito.

Este documental co libro que acaba de saír son os únicos intentos de contar a historia.

Non son os únicos intentos. De feito, en Portugal está moito máis difundido o feito e eles asúmeno coma un acto antiditatorial realizado por portugueses coa axuda dalgúns "españois".

A particularidade deste libro que agora presentamos 24 homes e mais nada que vai alén do secuestro do Santa Maria e fala do DRIL e dos preparativos do secuestro. Tamén fai unha radiografía moi acaída de Velo e dos portugueses.

Dirías que este episodio caeu no esquecemento?

Non caeu no esquecemento, máis ben coido que foi mal interpretado. Se toda sociedade precisa de heroes nós temos a Velo e a Soutomaior. Alzáronse en armas contra a inxustiza e a impunidade cando todos daban todo por perdido. Quero reivindicalos coma o que son: heroes nacionais de Galiza.

Custouche moito recompilar toda a información?

Si custou moito, moitos anos de traballo, aquí e en Venezuela. A mesma edición deste libro foi un arduo traballo. Eu quero agradecerlle a Abrente editora o seu interese en que esta historia non quedase no esquecemento. Sen a súa achega Galiza perdería unha parte da súa historia máis recente.

Persoalmente tiñas ganas de contar esta historia.

Eu non entendo a vida sen heroes, e estes son os meus preferidos ao carón de Alberto Fernández "Mezquita" e Castelao.

Haberá algún acto conmemorativo o día 22 de xaneiro?

Si. No que se reivindicará a galeguidade do Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación. Nós, coa colaboración da Federación Galega de Asociacións de Emigrantes Retornados imos realizar coa Concellería de Cultura de Celanova unha exposición fotográfica do fillo de Soutomaior, Federico Fernández, titulada, 'O meu pai o exiliado'. Nela imos levar documentos e libros orixinais, entre eles o manuscrito deste libro, para a exposición.

A sociedade galega daqueles tempos era máis reinvindicativa cá de agora?

Todo tempo pasado non foi mellor. As situacións extremas, unha guerra e unha ditadura, traen situacións extremas. Eu, que xa non son novo, non creo que a sociedade galega fose máis reivindicativa ca que temos hoxe. Critican moito a sociedade actual, a mocidade sen decatarse de que hoxe os métodos de represión son máis sofisticados e sutís.

Soutomaior alzouse en armas con 58 anos e Velo con 48. A rebeldía non é unha cuestión de mocidade senón de liberdade. Temos unha sociedade, un país galego, vello en idade, pero cando vemos a resposta social que teñen medidas xenocidas contra a nosa identidade, coma o Decreto do Galego, decatámonos de que está nunha sociedade que non está morta, e que aínda corre polas súas veas o sangue de moitos rebeldes que se plantaron no medio da nada contra a inxustiza.

Finalmente, que lle debemos a este libro '24 homes e mais nada'.

Que cando todos crían que a ditadura gañara, que xa non había nada que facer... dous galegos que nos honran coa súa historia de carraxe dixéronlle ao mundo que eles non eran nin submisos nin estaban derrotados.

Notícias relacionadas:
-
Soutomaior, o comandante que mandou calar
-
Apresentado em Vigo livro do comandante Soutomaior
-
Conversa com Xurxo M. Crespo sobre o Comandante Soutomaior, o DRIL e o assalto ao Santa Maria
-
Abrente Editora lança 'A captura do Santa Maria. 24 homens e mais nada', do comandante Soutomaior

Documentos relacionados “Assalto ao Santa Maria”:
-
Henrique Galvão e o assalto ao Santa Maria (PDF)
- Efemérides – 1961, Assalto ao Santa Maria
- TRAILLER DO FILME SOBRE O TEMA
.

2 comentários:

Anónimo disse...

4 DE FEVEREIRO EM ANGOLA.

É preciso não esquecer que o 4 de Fevereiro é decidido por que em Luanda estavam jornalistas das cadeias internacionais na expectativa que o Santa Maria arribasse a Angola.

Se não houvessem jornalistas dessas cadeias, muito provavelmente o 4 de Fevereiro ocorreria noutra oportunidade.

A revolta do povo angolano ocorreria na mesma, por que o colonialismo não estava disposto a largar mão de Angola,mas o início da luta armada teria sido noutra ocasião e poderia até ter sido de outra forma.

Há pois um nexo entre a tomada do Santa Maria e o 4 de Fevereiro que o Página Um foi muito oportuno em lembrar, até pelos conteúdos que a abordagem está a propiciar.

Martinho Júnior

Luanda.

Anónimo disse...

a bathing ape
kevin durant
supreme shirt
goyard handbag
bape hoodie
Travis Scott Air Jordan
air jordan travis scott